Con Moita Miga 2016 en Pontevedra

Con Moita Miga está de volta e desta vez en Pontevedra. O pan galego e o oficio volven a ter a importancia que merecen nunhas dinámicas que defenderán, enxalzarán e destaparán as virtudes e os problemas deste produto. conmoitamiga.org/2016

Pontevedra e Galicia enteira mostran o pan que se fai aquí, achegan a todos e a todas os obradoiros dos artesáns e intentan que público e panadeiros poidan sentarse a falar de pan de verdade. Así os estudantes dos ciclos medios de panadería tamén estarán nos diferentes días, haberá conexión entre o mundo da formación e o sector profesional. Aprenderán, discutirán e disfrutarán xuntos dun evento con dinámicas tan diferentes e variadas que haberá que estar atento para non perder nada.

 

O pan galego no punto de mira

A noite do Xoves 25 periodistas, panadeiros doutros lugares de España e xentes da cociña visitarán diferentes obradoiros de Galicia para ver como se fai o pan aquí. Galicia será o centro de atención nacional de panadería, e aí mostraremos a razón do prestixio do pan galego.

A tarde do Venres 26 comezarémola falando cos hostaleiros de Pontevedra sobre a importancia da calidade do pan nos seus establecementos. Jesús Monedero, o prestixioso chef de Restaurante Palio en Ocaña (Toledo) é un defensor a ultranza do pan de calidade, el será o encargado.  Seguiremos falando de Nutrición, das propiedades do pan con Teba González nunha charla cunha das especialistas máis importantes do país.  Remataremos catando algo de pan coa guía dun auténtico experto, si, un tal Ibán Yarza.  

O sábado, buf! o sábado 27. Á mañá todos á Praza de Abastos de Pontevedra a facer pan co señor que máis sabe de pan do mundo. José Luis Miño, vai a estar acompañado ademais cunha referencia en Pontevedra como Daniel Pampín e con Suso Castro, un panadeiro extraordinario de Neda. E aquí atentos xa que haberá obradoiros para tod@s. Tamén para rapaces e rapazas!

Á tarde, faremos unha mesa redonda sobre os problemas de Formación que hai para os novos panadeiros, Manuel Hermo (director do Carlos Oroza de Pontevedra), Román Latas (Inspector de Educación da Deputación de Pontevedra) e Daniel Pampín (panadeiro pontevedrés que foi becado durante seis meses nunha panadería en Alemaña) falarán guiados polo locutor radiofónico Xosé Manuel García das solucións que se lle poden dar aos problemas formativos na panadería.

Despois Xosé Manuel entrevistará á familia de panadeiros de Neda Panadería J.Castro Hnos. Como referentes da zona e como xeración tras xeración seguen a facer un dos mellores pans de Galicia. E para rematar outra cata moi especial, xa se desvelará o que faremos aí.

O domingo o panadeiro artesán máis exitoso a nivel nacional, Xavier Barriga irá ao Instituto de Formación Carlos Oroza a dar unha charla aos alumnos e a todo o mundo que queira achegarse sobre a súa experiencia en panadería, un verdadeiro caso de que a panadería ten futuro. Ao mesmo tempo Ibán Yarza dará un taller durante 4 horas de aprender a facer pan, para todos aqueles que anden rapidísimos e lles dea tempo de apuntarse. As prazas voan.

E para os peques o grupo de teatro Migallas, na Casa da Luz, ofrecerán un espectáculo sobre pan os rapaces.

O luns é o día de poñerse serios xa que os profesionais e os rapaces que están a estudar os ciclos medios de panadería de Galicia xuntaranse no Pazo de Cultura a falar de cousas moi serias. O futuro da panadería está en actos como estes. Así unha mesa redonda que estará conducida por Guille Moscoso virá a tratar temas como o das masas de alta hidratación con José Luis Miño ao fronte, a fermentación retardada tendo de expoñente a Xavier Barriga e a calidade das fariñas cun fariñeiro como José Rodríguez.

Ao rematar entrará en escena nin máis nin menos que Raúl Castellón, experto en economía de panadería que falará da Panadería como negocio.

Comeremos todos xuntos e pecharemos as xornadas cunha tarde sobre a comunicación na Panadería. Marketing, deseño, redes sociais, tendas físicas... Uqui Permui, Beatriz Echeverría e Ibán Yarza desgranarán as vicisitudes de como ter éxito vendendo un produto tan marabilloso como o Pan Galego.

E agora dicídeme vós a min, un evento como este... TE LO VAS A PERDER???????

 

Tedes toda a información na web conmoitamiga.org/2016

 

 

Etiquetas: 
xornadas, pontevedra